30 nov 2011

A IDADE DAS ÁRBORES

Sabedes como se averigüa a idade dunha árbore? Non? Para saber súa idade temos que buscar unha árbore previamente cortada e contar os círculos (aneis) que hai no tronco. Cada anel conta como un ano. Ademais se observamos atentamente veremos que os aneis non son  todos iguais. Os aneis delgados indican que ese ano a árbore medrou pouquiño mentras que os anchos dinnos que medrou moito. Cando fixemos a visita aos xardíns a semana pasada, quitei estas dúas fotos:



SEREDES CAPACES DE  AVERIGÜAR A SÚA IDADE?

29 nov 2011

CONTINUANDO COAS ÁRBORES...


Hoxe estivemos a facer algunhas fichiñas máis.
Para lembrarnos do nome dalgunha delas ...



Para pensar un pouquiño ...



Para contar ...



Esta última non nos dou tempo a escaneala pero xa vos amosaremos máis adiante o ben que o fixeron. E como non todo ha de ser traballar, tamén xogamos a facer estes puzzles das árbores máis comúns:

28 nov 2011

AS FOLLAS DAS ÁRBORES


Aproveitando a saída do venres,hoxe falamos das follas das árbores e do importantes que son porque nelas se fabrica o alimento. Lembramos que as árbores teñen distinto tipo de follas: hainas delgadas como as do magnolio, anchas como as do castiñeiro de Indias, en forma de agulla como as do piñeiro e o abeto, co borde ondulado como o carballo , dentado como como o acivro,...



Tamén aprendimos que algunhas árbores perden as súas follas no outono e inverno coa chegada do tempo frío como o castiñeiro, o bidueiro, a faia.... Estas árbores chámanse de FOLLA CADUCA. Nembargantes, outras árbores renovan as súas follas pouquiño a pouquiño e nunca teñen as súas ramas nús como o eucalipto ou o piñeiro. Chámanse árbores de FOLLA PERENNE.
Así que para ver si estivemos moi atentos na nosa saída, fixemos esta ficha. Era un pouquiño difícil de facer pero coa axuda das profes e das fotos que sacamos o venres ao final saiunos:



Ademais estivemos a facer estas bonitas follas animadas para o noso corredor:

25 nov 2011

CATALOGANDO E FOTOGRAFIANDO AS ÁRBORES DO PATIO


Por fin, hoxe fixo bo día e poidemos ir ao patio  a catalogar as árbores. De dúas en dúas clases, fomos cos encargados do taller de xardineiría, Tomé e Luís. Unha vez alí, tiñamos que identificar as árbores coa axuda das láminas. Había que fixarse moito nas ramas, follas, froitos,a forma do tronco,... pero algunhas árbores NON TIÑAN FOLLAS e iso facía moi difícil a identificación. Unha vez que xa sabiamos de que árbore se trataba, con axuda colocábamos a lámina ben atadiña, e lle sacábamos unha foto. Sí, sí, como escoitades, TAMÉN FIXEMOS DE FOTÓGRAFOS. Como sacamos moitísimas fotos, fixemos unha montaxe: primeiro seleccionamos as fotos e as colocamos como máis nos gustaron facendo collages e despois co MOVIE MAKER fixemos un pequeno video que subimos como sempre ao noso canal de YOUTUBE:


23 nov 2011

COMO VAN AS NOSAS PLANTAS?

Queredes saber que pasou coas nosas plantiñas? Pois ben, estivemos levando un control delas, observándoas todos os días e descubrimos dúas cousas:

1º.- Que xerminan moito antes as LENTELLAS  que as FABAS, e
2º.- Que a calor inflúe moito na xerminación pois nas clases onde a calefacción está moi alta, as plantas medraron un montón e noutras clases que vai máis frío, tardaron case seis días en empezar a xerminar e algunha todavía non comezou.



E apuntamos nunha folla de control os resultados:



21 nov 2011

FACEMOS MATEMÁTICAS

Estes días,  estivemos repasando conceptos matemáticos coma non, coas árbores. Lembramos os conceptos maior e menor; grande, pequeno e mediano; fixemos problemas matemáticos,...
Estas son as fichas que fixemos:




Tamén estivemos repasando conceptos e  aprendendo vocabulario sobre as plantas:


18 nov 2011

PLANTAMOS!!!


Hoxe as profes chegaron a clase cargadas con lentellas e fabas, vasos de plástico transparente, algodón e unha botella de auga. Quedámonos todos un pouquiño sorprendidos, para que serían aquelas cousas? Ata que por fin nolo explicaron: ÍBAMOS A PLANTAR!!!!!! E que a verdade é que despois de ver onte como nacía unha árbore, tiñamos o gusaniño de plantar unha e como polo de agora unha árbore non podía ser pois ..... nos conformamos coa nosa plantiña. Como iso de plantar eche moi divertido, animamos a dúas clases máis do cole a que tamén plantasen. Estes son os pasos que seguimos:





Xa vos amosaremos como van medrando as nosas plantiñas.

16 nov 2011

COMO NACEN AS ÁRBORES?

Continuando co noso proxecto, chegou o turno de saber como nacían as árbores, así que despois de buscar información  nun libro do noso recuncho dos bosques, vimos o seguinte video:


Que interesante, verdade? A continuación fixemos esta ficha onde vimos os pasos que había que seguir para que unha pequena semente se convertise nunha gran árbore:



15 nov 2011

AS ÁRBORES


Entre todas as plantas destacan as árbores. Sabías que son as plantas máis grandes e tamén as que máis viven? Hoxe comezamos co nome das partes dunha árbore. Aprendimos que todas as árbores teñen raíz, tronco e copa. Que a copa é o conxunto das follas e das ramas e que as árbores teñen copas con formas distintas:  poden ser redondas, ovaladas, triangulares,... Para practicar un pouquiño estivemos xogando a adiviñar a forma que tiña a copa dalgunhas das árbores do noso colexio:







Fixemos esta ficha coas partes dunha árbore:


E despois no ordenador intentamos poñer cada parte da árbore no seu lugar axeitado:



Tamén xogamos a este xogo onde tiñamos que intentar unir cada árbore co seu nome. Algunhas eran moi difíciles, pero entre todos e coa axuda das profes conseguimos rematar:

14 nov 2011

O XARDÍN DO NOSO COLE

Sabedes que imos ir de visita polos xardíns do noso cole? Pois con un pouco de sorte será a próxima semana. Para ir preparando a saida, estes días andivemos a buscar en google, imaxes das árbores que imos atopar no patio. O profe Tomé preparounos unhas diapositivas con todas as árbores que veremos. Nós axudamos a plastificar algunhas e o día da excursión aproveitaremos para  colgar cada unha na súa árbore correspondente. Aquí vos deixamos algunhas das fotos:

PREPARANDO A SAIDA on PhotoPeach


Despois do recreo, fomos a xardinería a ver unha pequena exposición de setas que Tomé e Luis, os nosos encargados do taller de xardinería, atoparon no patio do cole. Coa axuda dunha guía, os alumnos do PCPI as catalogaron e colocaron un cartel cos seus nomes. O resultado foi fantástico. Non si?

12 nov 2011

CONTOS DESDE O BOSQUE

Na asamblea estivemos a falar da excursión de onte: que árbores había, os animais que vimos, que foi o que máis nos gustou e o que menos, se o pasamos ben ou non ... A continuación, na hora de ler,  en cada clase contamos un conto sacado da colección de tres libros de contos "CONTOS DESDE O BOSQUE" con actividades educativas complementarias dirixidas a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos que publicou a organización BOSQUES SIN FRONTERAS.


Na pestana de CONTOS podedes acceder aos tres.

E por fin está rematados os nosos recunchos do proxecto cunha exposición de libros e contos relacionados co bosque, as súas plantas e os animais que habitan nel. Ollade que bonitiños nos quedaron.




11 nov 2011

DE VISITA POLO BOSQUE

Despois de estudar onte como podiamos clasificar as plantas según o seu tamaño, hoxe fomos de excursión para velas en vivo e en directo.
As dez da mañá veu a buscarnos un autobús que nos levou ata As Pontes. Unha vez alí deixounos nas oficinas técnicas da Mina de Endesa. A nosa guía, Marisol, levounos a unha habitación onde había un plano da mina e sobre el explicounos moitas cousas. Para que non perdésemos detalle de  todo o que nos contou, regalounos a cada un dous libros: "O LAGO DE AS PONTES" e "A MINA DE AS PONTES". Pero o máis divertido veu despois.
Saimos das oficinas e subimos a un microbÚs que tiña unhas rodas grandísimas e todos nos preguntabamos para que serían. Unha vez dentro, como verdadeiros obreiros, tivemos que poñer o noso casco e o noso chaleco reflectante e arrancamos rumbo ao lago artificial. De paseo polas pistas que o bordean descubrimos porqué eran necesarias esas rodas ¡CASE NON PODIAMOS PASAR DA LAMA QUE HABÍA! e por máis dunha vez por pouco quedamos atascados, menos mal que o noso conductor era un manitas que senón... A paisaxe era realmente preciosa. Pasamos por dúas pontes que atravesaban o río Illade e o Meidelo, vimos patos no lago, cabalos,... e fixemos unha paradiña na praia. Alí poidemos baixar do microbús e dar un paseo. Incluso sacamos unhas fotos para que poidésedes ver o guapísimos que estabamos todos co chaleco e co casco.
A continuación fomos a antiga Escombreira, na actualidade restaurada nun fermoso bosque, no que se plantaron unhas 600.000 árbores. Por todas partes víamos as cores do outono: amarelo, marrón e laranxa, e o chan  alfombrado de follas. Había árbores como castiñeiros, bidueiros, eucaliptos, piñeiros, carballos,... arbustos como xestas, loureiros, toxos,... e moitas herbáceas como campaíñas, margaridas, dentes de león,... Marisol contounos que nese enorme bosque habia 189 especies de vertebrados: 9 correspondentes a anfibios, 6 a réptiles, 131 a aves e 34 a mamíferos. O máis bonito foi cando vimos a varios corzos correndo a carón do autobús. Pasámolo moi ben e gustarianos repetir a experiencia a ser posible noutra estación do ano para poder apreciar os cambios na paisaxe.
E para que vexades o bonito que estaba todo e o ben que o pasamos aquí vos deixamos estas imaxes:

9 nov 2011

CLASIFICACIÓN DAS PLANTAS


                                                         Cómic feito con PIXTON

Sabiades que como hai moitas especies distintas de plantas, se utilizan distintos métodos para clasificalas? Un dos métodos é o que clasifica as plantas según o seu tamaño en: HERBÁCEAS, ARBUSTOS  e ÁRBORES.
As HERBÁCEAS son as plantas que xeralmente coñecemos como "herbas" con talos finos e flexibles, os ARBUSTOS, son plantas máis grandes que as herbáceas cun talo leñoso que se divide en pólas preto do chan, pero sin dúbida son as ÁRBORES, con grosos troncos leñosos e pólas que nacen lonxe do chan, as plantas que máis destacan, as máis lonxevas e que ademais serven de fogar a moitos animais como o noso Pepiño, que lembrades? vivía nunha carballeira.
Mañá iremos de excursión As Pontes a ver un enorme bosque. Mentres tanto, estivemos practicando para ver si sabiamos clasificar as plantas por este método, con estes recursos que atopamos. No primeiro tiñamos que clasificar en árbol, arbusto e herbas:


No segundo aparte de clasificar as plantas polo seu tamaño, tamén anduvimos a repasar as partes dunha planta:



E tamén fixemos estas dúas fichas. A primeira era moi doada pero a segunda custounos un pouquiño facela.




E como nos sobrou un pouquiño de tempo, vimos este conto: